top of page

Nós

·

Quen somos ?

Quen somos?

O Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGAB) xorde a comezos de 1992, froito da amizade entre César del Caño, músico profesional e primeiro director do coro, e Camilo Fernández, profesor da Área de Filologies Gallega i Portuguesa, da Universitat de Barcelona (UB).


O grupo mantén a súa actividade, con César del Caño como director, ata xullo de 2001, continuando ata 2005 baixo a dirección doutros directores e directoras, disolvéndose nese mesmo ano.

O obxecto deste sitio web céntrase unicamente na memoria daquela primeira etapa, de abril de 1992 a xullo de 2001.

Vencellado ó ámbito de estudos da Área de Filologies Gallega i portuguesa da UB, o CUGAB constitúe un proxecto cultural aberto a toda a comunidade universitaria e máis ós galegos residentes en Barcelona. As autoridades académicas danlle respaldo facilitándolle de balde lugares axeitados pra ensaiar.  

 

O ideario fundacional que inspira o nacemento do proxecto céntrase no compromiso co idioma galego e coa linguaxe musical de Galicia.  Son directrices prácticas da asociación coral nas súas bases a investigación sobre o folclore galego, a proxección do acervo culto dos compositores autóctonos, así como afondar na procura do máximo rigor musicolóxico dun repertorio polifónico que inclúe mostras líricas de varias culturas e mesmo obras de propia composición.

 

As súas especiais características convirten a este coro nun dos máis idóneos pra cumprir con grande eficacia este derradeiro obxectivo, dado que, debido á súa ubicación universitaria, está integrado por cantores ingleses, alemáns, italianos, suecos, franceses, islandeses, xaponeses, estadounidenses, brasileiros, mexicanos e, por suposto, galegos, cataláns,  e doutras comunidades da Península e mailas Illas;  membros que chegado o día de se teren que ir (por voltar ós seus paises dispois de rematar os estudos), levan consigo pra sempre un recordo moi fondamente arraigado de Galicia, así coma tamén as nosas partituras que han espallar polo mundo enteiro.

bottom of page